Camiño tradicional de acceso ao castro, que discorre por unha zona de monte e bosque (esencialmente piñeiros) de alto valor ecolóxico e paisaxístico.

Nalgúns treitos conserva á vista as rodeiras de pasaxe dos carros ou ben o firme enlousado granítico tradicional.

Castro de Sta. Lucía: Poboado fortificado galaico-romano habitado desde o cambio de era ata a época tardo-antiga (ss. I-VII d.C.). No s. XVIII construíuse unha capela adicada a Sta. Lucía, actualmente desaparecida, que é a que lle dá nome ao castro.

As escavacións arqueolóxicas emprendidas desde 2016 teñen descuberto diversas construcións de raíz indíxena (cabanas circulares castrexas) e romana (muros e rebaixes en ángulo recto), destacando especialmente un lagar rupestre de cronoloxía inequivocamente romana.

Tamén hai que subliñar os valores naturais e paisaxísticos do sitio, con inmensos bolos graníticos na croa (penedo de Sta. Lucía), vexetación autóctona de bocarribeira (carballos, loureiros, érvedos, silvardeiras) e impresionantes vistas sobre o Miño.