O castro de Santa Lucía localízase no monte homónimo situado ao oeste do lugar de Freás, pertencente á parroquia de Santa María de Astariz do concello de Castrelo de Miño. O xacemento ocupa o picouto mais setentrional do monte, caracterizado polas súas escarpadas pendentes (ata 200 mts. de desnivel) cara o río Miño.

Trátase dun antigo poboado fortificado galaico-romano, de morfoloxía oblonga moi alongada (250 x 110 mts aprox.) que acada unha extensión de 2,75 hectáreas. Boa parte da superficie está ocupada por grandes bolos graníticos (especialmente na croa, onde destaca o inmenso penedo de Santa Lucía), afloramentos pétreos que funcionan como delimitadores “naturais” dos aterrazamentos ou recintos internos nos que se organiza o castro. De feito, non se coñecen indicios de murallas propiamente ditas, aínda que si doutros elementos defensivos como o grande foxo escavado na rocha localizado ao sur do castro.

Destacan a terraza da croa, ben protexida e abrigada do norte polos grandes penedos ao abeiro dos cales compre localizar desaparecida capela de Santa Lucía amais dos claros vestixios de ocupación galaico-romana antiga aparecidos nas sondaxes S2, S3, S5, S6, S7 e S8; la terraza leste, tamén con ocupación galaico-romana detectada na sondaxe S1 e, por último, o recinto oeste, espazo moi ben delimitado tipo antecastro (as pendentes interiores son demasiado altas para consideralo como un aterrazamento), caracterizado pola presenza de moitas obras rupestres (rebaixes, pías, cortes, etc.) entre as que destaca especialmente o lagar rupestre galaico-romano escavado na sondaxe S4.

O castro é de clara cronoloxía romana e tardorromana (ss. I-VII d.C.), fundado probablemente no cambio ou primeiros decenios da nosa era (os materiais datables mais antigos son Xulio-Claudios ou Augústeos como máximo) por poboación indíxena local, de aí a presenza de construcións (cabanas circulares) e materiais (cerámica tipo Miño) típicas da fase final da cultura castrexa da rexión. Mantívose ininterrumpidamente habitado ata época tardorromana e incluso suevo-visigótica (ss. V-VII d.C.), sendo este un dos períodos mais singulares e característicos do poboado.

Nalgúns puntos da croa (S2 e, sobre todo, S4) é posible que tamén haxa unha ocupación alto- ou pleno-medieval (¿ss. X-XIV?) que aínda non foi definida con precisión. Por último, en S2, construíuse en 1721-1734 unha capela dedicada a Sta. Lucía, que perviviu ata alomenos mediados ou finais do s. XIX e que é a que lle da nome ao castro.

O xacemento foi obxecto de varias intervencións arqueolóxicas desde 2016, dando lugar á exhumación de diversos sectores (S1 a S8) esparexidos polo castro. Algunhas destas sondaxes, como S1 e S3, foron tapadas e re-enterradas novamente por motivos de conservación, pero outras (S2, S4, S5-6 e S8) permanecen descubertas e visibles para o público integradas nun circuíto de visita.